Monday 06 de May de 2024

Galicia aspira a preservar o seu patrimonio do mar co deseño do Plan da Cultura Marítima con horizonte 2030


— Este traballo realizarase no marco dun convenio de colaboración asinado esta semana entre a Consellería do Mar e a Universidade da Coruña e abarcará todo o litoral de Galicia co obxectivo de definir as liñas das políticas culturais unindo as tradicións e o valor do patrimonio marítimo

— Ademais a titular de Mar destacou o papel do órgano de xestión para as medidas de protección das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, contemplado na declaración como Ben de Interese Cultural e ao que a Xunta vén de remitirlle as primeiras solicitudes para incluír bens no censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o traballo que se está a facer desde Galicia para preservar o patrimonio marítimo-pesqueiro con accións como o deseño do Plan da cultura marítima con horizonte 2030 que se realizará no marco dun convenio de colaboración asinado esta semana entre a Consellería do Mar e a Universidade da Coruña. Este traballo abarcará todo o litoral de Galicia co obxectivo de definir as liñas das políticas culturais unindo as tradicións e o valor do patrimonio marítimo.

Así o sinalou durante a presentación do XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebrará no porto de Moaña entre o 5 e o 8 de agosto e que este ano organizan ademais da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), a Asociación Sueste e o Concello de Moaña coa colaboración da Xunta.

En canto ao Plan da cultura marítima, o traballo a realizar no marco da colaboración entre Xunta e a Universidade da Coruña consistirá nunha investigación dirixida polo profesor e experto na materia Óscar Fuertes para definir as liñas de traballo principais establecendo compromisos, liñas estratéxicas e accións para os vindeiros exercicios.

Ao mesmo tempo crearanse grupos de traballo con expertos vencellados co sector do mar, coas principais asociacións da cultura marítima e outros axentes relacionados con este ámbito. O convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2023 con opción de prórroga e conta con preto de 200.000 euros de financiamento da Consellería do Mar. A finalidade deste traballo é ter un plan da cultura marítima de Galicia vivo, que poida irse adaptando ás circunstancias e aos cambios que se produzan e deste xeito mellorar o coñecemento sobre o patrimonio vencellado ao mar e avanzar na súa conservación.

Ademais a conselleira destacou o papel do órgano de xestión para as medidas de protección das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, contemplado na declaración como Ben de Interese Cultural, que hai uns días tivo a súa primeira xuntanza. Neste sentido, lembrou que a Xunta vén de remitirlle a este órgano as primeiras solicitudes para incluír bens no censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos. Entre outras funcións, este órgano ten como obxectivo informar sobre a pertinencia da incorporación de embarcacións ao devandito censo así como propoñer o recoñecemento de mestres carpinteiros.

Estas actuacións, subliñou Rosa Quintana, forman parte da aposta do Executivo galego para protexer os valores culturais e marítimos da comunidade e constituirá unha parte fundamental da identidade do pobo galego reforzando a súa protección e deixando un importante legado para as xeracións vindeiras.

Colaboración
A Consellería do Mar colabora este ano con Culturmar cunha aportación económica de 48.500 euros para distintas actuacións entre as que se inclúe a organización do XV Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia. A este apoio súmase a instalación por parte de Portos de Galicia dun pantalán no porto de Moaña formado por dous módulos de 12 metros de lonxitude e tres metros de ancho e unha pasarela de 20 metros de lonxitude e dos metros de ancho.

O Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia é unha iniciativa bienal que organiza Culturmar e que xorde en 1993. A este evento adoitan asistir asociacións de Galicia e doutros lugares de España, así como de Portugal, Irlanda e Francia e tamén particulares e institucións de interese cultural e patrimonial. Consiste na concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio de distintas zonas xeográficas de Europa. A súa celebración ten como obxectivo principal evidenciar a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de preservalo.